Babesia ou «enfermidade da garrapata»:
síntomas, diagnóstico, tratamento e prevención

Clínica veterinaria A Media Lúa: Babesia ou «enfermidade da garrapata»


A Babesia, tamén coñecida como a «enfermidade da garrapata», é un hemopárasito que causa unha serie de alteracións unha vez que parasita a sangue das nosas mascotas. Posto que se trata dun parásito moi común na nosa comunidade, neste artigo profundizaremos un pouco máis nas súas características.


QUÉ É?

Trátase dunha enfermidade infecciosa producida por un protozoo que parasita os eritrocitos (glóbulos vermellos). Este parásito transmítese a través da picadura dunha garrapata, que actúa como vector, sendo esta a forma máis común de infección. Mediante as transfusións sanguíneas tamén pode haber transmisión de Babesia, sendo esta vía menos común.


SINTOMATOLOXÍA

Os cans con este enfermidade poden mostrar diferentes síntomas, desde apatía e anorexia ata anemia e trombocitopenia (diminución de eritrocitos e plaquetas e, nos casos máis graves, incluso morte. En función dos signos, pódense diferenciar diferentes cadros clínicos:

  • Cadro sobreagudo: dase sobre todo en cachorros e en animais xóvenes. Prodúcese shock hipovolémico e hipotérmico. É o máis grave e o de peor pronóstico.
  • Cadro agudo: soe ser o máis frecuente e os canciños aparecen con pouco apetito, letárxicos, febrís, con orina de cor máis cargada e mucosas ictéricas (cor amarillenta), entre outros síntomas.
  • Cadro crónico: non é tan usual, e con este cadro evidénciase un claro adelgazamento, linfadenomegalia e episodios intermitentes de febre.
  • Signos atípicos: respiratorios (disnea), gastrointestinais (vómitos e diarrea), coagulación (CID) e neurolóxicos (convulsións e ataxia).

DIAGNÓSTICO

Diagnosticar Babesia non sempre resulta doado. Hai síntomas compatibles como anemia e trombocitopenia que se detectan mediante analítica sanguínea, ou cor da orina «achocolatada» da que se decatan os mesmos propietarios.

Mediante un frotis sanguíneo pódese visualizar ó microscopio a presencia da Babesia dentro dos eritrocitos. No caso de non vela, non se podería descartar a enfermidade, senón que habería que facer probas máis complexas como seroloxías (probas que se realiazan nun laboratorio externo).


TRATAMENTO

O seguinte paso, despois de diagnosticar a Babesiose, é proceder a tratala. O fármaco de elección que se emprega para eliminar o parasito é o dipropionato de imidocard. A forma de administración é vía subcutánea ou intramuscular, e hai que repetilo ás dúas semanas da primeira dose. Este fármaco pode causar algún efecto secundario como babeo ou temblores, polo que se aconsella poñer, antes do imizol, una dose de atropina.

A maiores, e nos casos máis graves, o tratamento tamén consiste en medicación de soporte para combater a sintomatoloxía derivada da Babesiose: fluidoterapia, medicación intravenosa e transfusións sanguíneas.


PREVENCIÓN

Unha das principais formas de prevención da Babesiose é mediante o control de garrapatas. Isto conséguese con desparasitacións externas constantes, en tódalas épocas do ano, posto que vivimos nun clima con moita humidade, e ainda que asociemos a «enfermidade da garrapata» con épocas de calor, o certo é que á clínica veterinaria chegan casos durante todo o ano.

As formas de desparasitacións externas son varias e de distintas vías de administración: pipetas, collares ou pastillas orais.

O ideal é facer revisións frecuentes do corpo da nosa mascota, para comprabar que non lle suba ningunha garrapata en zonas propensas como axilas, ingles e cabeza. Non se deben arrancar nunca.

Tamén se debe facer un control de garrapatas e de hixiene no ambiente onde habite o animal.

AddThis Social Bookmark Button