Que implica a xeriatría nos cans?

Clínica veterinaria A Media Lúa: Que implica a xeriatría nos cans?


Actualmente a esperanza de vida dos cans é cada vez maior, debido á concienciación dos donos en canto á saúde animal e ós avances na medicina veterinaria. É un erro pensar que a idade implica enfermidade, pero si que é certo que, a medida que os canciños cumpren anos, vanse evidenciando certos cambios, tanto físicos como fisiolóxicos. A continuación explicaremos o que implica a xeriatría nos cans.

O proceso de envellecemento varía en función da especie, raza e idade de cada individuo en concreto. Hai estudios que demostran que os cans de raza pequena teñen unha esperanza de vida maior que os de raza grande. Os puntos máis importantes a ter en conta son:

  • Cambios no metabolismo: isto implica un descenso nas necesidades calóricas e de mantemento porque a súa actividade tamén é menor. Estes cambios metabólicos provocan unha maior tendencia a acumular graxa polo que debemos cambiar a unha dieta específica de cans xeriátricos para evitar a obesidade.
  • Problemas ortopédicos: neste punto inclúese a artrite e artrose que leva asociado unha reducción da movilidade. O que percibirá o dono é a dificultade de subir e baixar escaleiras ou sofás e menos ganas de correr. Hai que manter un exercicio moderado, a pesar da idade, para evitar a perda de masa e tono muscular. Ainda que esta patoloxía non ten cura per se, si que hai terapia de mantemento (antiinflamatorios, fisioterapia, natación, etc) que será indicada por un veterinario.
  • Enfermidade periodontal: trátase de lesións inflamatorias causadas pola placa dental e as bacterias que se acumulan nela. Unha das principais causas da xinxivite e da periodontite é a acumulación desta placa de sarro sobre a superficie dos dentes. Nisto radica a importancia de revisar con frecuencia a cavidade oral dos cans e sobre todo nos xeriátricos porque é probable que necesiten unha limpeza baixo anestesia.
  • Alteracións cardíacas: o carazón é un dos órganos que máis sofre os cambios propios dos cans xeriátricos. A medida que pasan os anos, el tamén se vai deteriorando posto que dimunúe a súa capacidade de bombear sangue, as válvulas cardíacas perden elasticidade,etc. Isto maniféstase a través do cansancio, dimución de actividade, síncopes, entre outros. En caso de notar algún destes síntomas, o veterinario recomendará facer un estudio radiográfico, un electrocardiograma e unha ecocardiografía para tratar de buscar e diagnosticar posible alteración no corazón.
  • Enfermidade renal: o ril pode sufrir cambios a nivel estructural e funcional. Este órgano é moi importante posto que é o encargado de detoxificar toda a sangue do organismo do can. Se empeza a fallar notaremos síntomas como que o noso velliño beba e orine máis do habitual. É unha das patoloxías máis común dos cans maiores que cando antes se diagnostique e trate, antes se controlará.
  • Perda de audición e visión: a vellez dos nosos cans tamén afecta á capacidade de visión provocando que estén menos áxiles, se choquen en ocasións e nos dea a sensación que están desorientados se os sacamos do seu hábitat. A audición é outro dos órganos dos sentidos que tamén sofre cambios traducíndose en menos resposta a estímulos.
  • Problemas neurolóxicos: existen diferentes patoloxías que afectan ó sistema nervioso (tanto central como periférico) e que son frecuente nos xeriátricos. Entre as máis comúns están a disfunción cognitiva (demencia), síndrome vestibular, convulsións, hernias discais entre outras. As presentacións son moi variadas e non todas cursan cos mesmos signos.
  • Cáncer: asi como en humanos, o cáncer é unha das enfermidades máis frecuentes dos últimos tempos. No caso dos cans afecta sobre todo, ó colectivo xeriátrico. Os tumores máis comúns cos que nos atopamos na clínica diaria son os do sistema reproductor (tumores mamarios no caso de cadelas), dixestivo (linfoma) e dérmicos (mastocitomas). Os progresos na oncoloxía veterinaria están permitindo que os animais con cáncer poidan ter calidade de vida e convertir a enfermidade en algo crónico.

A xeriatría en cans leva asociado cambios que todo dono debe coñecer para poder anticiparse a posibles enfermidades. Así mesmo, se coñecemos estas alteracións podemos facilitarlle a vida e que se adapten mellor. Non tódolos cambios son igual de pronunciados, cada can é un individuo particular. Entre donos, pacientes e veterinarios estamos conseguindo que cada vez máis, este colectivo xeriátrico teña unha estupenda calidade de vida.

AddThis Social Bookmark Button