Cistite en cans: causas, síntomas,
diagnóstico e tratamento

Clínica veterinaria A Media Lúa: Cistite en cans


A cistite é unha patoloxía bastante común nos cans. En ocasións pode ser unha alteración puntual de fácil solución, pero noutras pode chegar a complicarse, converténdose nalgo crónico que require de control, seguimento e incluso dieta específica. Neste artigo recollemos os aspectos máis importantes das cistites en cans.


Para comezar hai que distinguir entre cistite, que significa inflamación da vexiga, e infección de orina, que se trata da colonización de bacterias. Moitas veces ocorren simultaneamente, e a primeira é a consecuencia da segunda.


CAUSAS

Hai varios factores que inflúen nesta patoloxía, pero unha das máis importantes é a infección bacteriana (infección urinaria):

  • Cálculos en vexiga, uretra ou ril.
  • Traumatismos.
  • Tumores na vexiga.
  • Certas enfermidades como a diabetes, que predispón á cistite.
  • Algúns fármacos que causan depresión do sistema inmune, facilitando á infección bacteriana.
  • Predisposición racial (Dálmata).

SÍNTOMAS

Ó igual que ocorre en persoas, a cistite en cans resulta moi molesta, polo que os principais signos que imos a notar serán cambios de comportamento como apatía, menos apetito, menor actividade, etc. Os síntomas máis específicos das cistite son:

  • Dor ó miccionar, incluso chegan a chorar.
  • Orinan varias veces e moi poucas cantidades, a veces pode que nin sequera expulsen nada.
  • Gotas de sangue na orina, tanto ó principio como ó final. Non sempre é indicativo de cistite, pero hai que estar alerta.
  • Beben máis do normal e varias veces, isto non sempre ten que ocorrer.
  • Intentos de chuparse continuamente o pene ou a vulva, chegando a producirse feridas.
  • Nos casos máis extremos veremos algúns síntomas dos anteriores pero, no intento de orinar, vemos que non sae nunca orina. Iso considérase unha urxencia veterinaria, posto que poida que a nosa mascota corra o risco de obstrucción.

DIAGNÓSTICO

Se estamos seguros ou temos dúbidas de que o noso can se atopa nalgunha das situacións anteriores, o correcto é acudir ó veterinario para intentar diagnosticalo canto antes e poñer tratamento deseguido, para evitar que o problema empeore. Os pasos a seguir para confirmar ou descartar a cisite son:

  • Explicarlle ó veterinario tódolos signos que notamos, dando toda a información posible: se é a primeira vez que lle pasa, se o asociamos a cambio de temperatura, estrés, no caso das cadelas si estivo recentemente en celo.
  • Facer probas de imaxe como radiografía (permite observar a presencia de cálculos, porque son radiodensos) e/ou ecografía (valoraremos o grosor da vexiga e si hai sedimento nela).
  • Toma de mostra de orina mediante cistocentese: esta é a mellor forma, xa que así conseguimos mostra estéril (sen contaminación). Outra opción é que o dono nos achegue unha mostra recollida nun bote estéril, pero non é o máis recomendable.
  • Análise da orina: observaremos si aparecen cristais, bacterias e faremos un estudio sobre a densidade, ph, presencia de sangue, gluocosa, perda de proteínas, entre outros parámetros.
  • Nos casos máis complicados, haberá que facer un cultivo de orina que nos da máis información que o urianálise só. Esta proba faise nun laboratorio externo.

TRATAMENTO

Unha vez confirmado o diagnóstico, o último paso é establecer un tratamento axeitado en función das causas e dos resultados do urinálise:

  • Antiinflamatorio: é clave para resolver a cistite xa que, baixando a inflamación da parede, faremos que a nosa mascota se sinta mellor e esté menos dolorida.
  • Antibióticos: no caso de ver bacterias no sedimento urinario, haberá que comezar unha terapia con antibiótico que durará entre 10 e 15 días, en función da carga bacteriana e do criterio do noso veterinario.
  • Dieta: non sempre é necesario instaurar unha dieta específica para problemas urianarios. Si que se fai en situacións nas que os casos de cistite se repiten con moita frecuencia, converténdose nalgo crónico. Tamén está indicado en caso de presencia de cristais ou determinados cálculos.
  • Sondaxe uretral: ante unha situación de obstrucción hai que sedar o can para proceder a desobstruír e liberar toda a orina acumulada.
  • Cirurxía: en ocasións as obstrucións están provocadas por cálculos de gran tamaño que requiren de anestesia xeral para resolver o problema de forma quirúrxica.
AddThis Social Bookmark Button