As nosas mascotas favoritas:
Licurgo

Clínica veterinaria A Media Lúa: As nosas mascotas favoritas


Presentámosvos a Licurgo, un canciño veterano ao que pertencer á terceira idade non lle importa en absoluto. Como xubilado leva unha vida moi atarefada: levantarse, almorzar, facer o paseo matutino e durmir sesta (o seu plan favorito).

Un bo día, á súa rutina tivemos que engadirlle algo máis: comezar a tomar pastillas. Hai máis de un ano que se lle diagnosticou hiperadrenocorticismo (Síndrome de Cushing), unha enfermidade endocrina na que se ve alterada a concentración do cortisol en sangue.

A súa dona comentaba que estaba máis famento do normal (polifaxia), que bebía e orinaba máis (poliuria e polidipsia), e que respiraba axitado nos paseos (xadeo). De seguido fixemos unha analítica sanguínea e diagnosticamos esta patoloxía. Aínda que, a priori, parecía algo latoso o de vir á clinica a facerse controis para axustar a dosis de medicación, o certo é que Licurgo lévao fenomenal.


Clínica veterinaria A Media Lúa: As nosas mascotas favoritas


Esta patoloxía non lle impediu seguir facendo a súa vida de retirado, e seguiu estando igual ou máis activo que antes. Isto tamén é debido a que ten unha familia moi comprometida, que aceptou moi ben este pequeno cambio e se volcou por completo en que o principal é a calidade de vida de Li.

AddThis Social Bookmark Button