A Filaria, o famoso
gusano do corazón

Clínica veterinaria A Media Lúa: A Filaria, o gusano do corazón


A filariose é unha enfermidade parasitaria causada por uns parasitos con forma de gusano (Filarias) e que producen síntomas cardiopulmonares. Afecta á especie canina, pero tamén hai casos rexistrados na felina e incluso en humanos. A continuación recollemos os aspectos máis importantes desta patoloxía, que aínda non é moi común na nosa zona.


VÍA DE TRANSMISIÓN

A filaria transmítese a través da picadura dun mosquito. Estes mosquitos pican inicialmente un can infectado, absorbendo as larvas das súa sangue. Despois depositan as formas inmaduras da filaria (microfilarias) nun can sán.


CICLO BIOLÓXICO

Hai dous hospedadores: o vector, que actúa como intermediario, e o definitivo, que é un vertebrado que actúa como resevorio. O hospedador definitivo neste caso é o can. As formas inmaduras mudan a adultas e localízanse nas arterias pulmonares e no corazón.


Clínica veterinaria A Media Lúa: A Filaria, o gusano do corazón


FACTORES QUE FAVORECEN Á TRANSMISIÓN

  • Clima.
  • Temperatura.
  • Humidade.
  • Poboación de mosquitos.
  • Viaxe das nosas mascotas a zonas de risco.

PREVALENCIA NAS ÁREAS XEOGRÁFICAS

A nivel de España, as principais zonas endémicas eran as do este, sur e Canarias, sobre todo polo tipo de clima cálido que se da alí. Co paso dos anos, esta enfermidade alcanzou outras áreas xeográficas e, na actualidade, hai casos de Filaria practicamente en tódalas Comunidades.


Clínica veterinaria A Media Lúa: A Filaria, o gusano do corazón


SÍNTOMAS

Como mencionamos ó principio, este parasito cursa sintomatoloxía cardiorespiratoria. Os signos non se manifestan xusto despois da infección, senón que poden vivir no hospedador definitivo de forma «silente» durante unha temporada.

Os síntomas principais son a tos, intolerancia ó exercicio e cansancio , que pode evolucionar a unha descompensación pulmonar e cardíaca máis difícil de controlar. Nalgúns casos tamén poden aparecer sangrados de nariz.


DIAGNÓSTICO

O diagnóstico básase fundamentalmente en identificar as microfilarias ou antíxenos do parásito na sangue do paciente. Para isto existen test rápidos que hai na clínica, e co que obtemos os resultados nuns minutos.


Clínica veterinaria A Media Lúa: A Filaria, o gusano do corazón


A maiores, existen probas complementarias como as radiografías torácicas e a ecocardiografía, que permiten determinar a gravidade da enfermidade e establecer unha pauta terapéutica máis axeitada.


TRATAMENTO

Un dos obxectivos do tratamento é eliminar as formas inmaduras da Filaria para evitar que evolucionen a adultas e cheguen ó corazón.

Non hai unha medicación completamente efectiva para as dúas formas da filaria (inmaduras e maduras), senón que o protocolo consiste en combinar distintos fármacos.

Existen varios productos: un deles aplícase de forma mensual, e hai que dalo antes de que comece a época de maior risco e mantense ata un mes despois de esta temporada. Trátase de aplicar lactonanas macrocíclicas (ivermectina, óxido de milbemicina, selamectina, moxidectina), ben de forma oral ou tópica.

Nos casos máis extremos nos que os adultos estén no corazón e o paciente teña síntomas, hai que valorar a opción quirúrxica para extraelos.


PREVENCIÓN

As medidas preventivas deben establecerse tanto si se vive nunha zona endémica como si temos pensado viaxar ou visitar algunha destas, sobre todo en épocas de maior calor como o verán (maior exposición a picaduras de mosquitos):

  • Desparasitación interna e externa.
  • Repelentes para evitar as demais parasitoses.
  • Control de mosquitos, evitando pasear nas horas do día nas que están máis expostos á súa picadura, e en zonas como ríos e monte.
  • No caso de mascotas que vivan no exterior, intentar deixalos dentro nas horas de máxima exposición á picadura de mosquitos.
  • Eliminar augas estancas e evitar áreas con charcos, porque é donde soen estar os criadeiros de mosquitos.
AddThis Social Bookmark Button